Conxeito

#015 -

Dixital e sustentable

Hai unhas semanas falei de libros electrónicos e Anxo López comentoume un dato interesante: os eReaders dende un punto de vista ambiental non son sustentables, producir o soporte ten o impacto en emisións de carbono equivalente á impresión de 100 libros. Ollo, e isto sen meter un só libro no aparello. Hai que ler moito para que sexa viable.

O certo é que «dixital» non significa necesariamente sustentable, e non só polo grande impacto na fabricación dos dispositivos electrónicos, senón tamén pola electricidade necesaria para facelos funcionar.

O bo deseño consiste en quitar todo o que sobra, economizar recursos para conseguir obter máis con menos. Nese sentido, os deseñadores tamén somos responsables da súa pegada ambiental. Manu Abuín (@AbuinManu) escribiu un interesante artigo en Kristala, sobre os excesos no uso da tecnoloxía para solucionar os problemas actuais.

Emerge é unha axencia dixital de Portland que escribiu este impactante estudo sobre a irresponsabilidade do desenvolvemento web actual e sóltanos un pequeno dato: 1 GB descargado produce uns 3Kg de CO2. Tendo en conta que cada vez as páxinas web son máis pesadas, é un dato bastante preocupante. Afortunadamente, hai xeito de reducir este impacto e podemos encontrar diversas iniciativas dentro do mundo do deseño e do desenvolvemento web.

Un exemplo é Codeception, unha libraría de testing en PHP moi popular, con 370.000 instalacións mensuais. Hai un ano deixaron de incluír determinados arquivos innecesarios no zip instalable, para baixar o seu tamaño dende 1.1 MB ata 0.4 MB, o equivalente a reducir máis de 700 Kg de emisións de CO2 cada mes.

Outro exemplo interesante é o de Danny van Kooten, un programador holandés que decidiu deixar de comer carne e de viaxar en avión para reducir a súa pegada de carbono, mais o maior impacto conseguiuno facendo un pequeno cambio no seu popular plugin de WordPress para reducir 20 KB o tamaño do código que o plugin insería no HTML das webs que o tiñan instalado. Considerando que uns 2 millóns de sitios están usando este plugin, estímase que o cambio aforrou unhas 59 toneladas de CO2 mensuais, o equivalente a voar dende Nova York a Amsterdam, ida e volta, 85 veces.

Mozilla ten un proxecto dedicado á sustentabilidade, que entre outras cousas conta cunha lista de de ideas para reducirmos o impacto ambiental, como o bloqueo de anuncios, a creación dun certificado verde, a promoción dos sitios estáticos (algún día falarei disto) ou o uso do buscador Ecosia, en vez de Google.

Á hora de deseñar webs e produtos dixitais, tamén debemos ter en conta cousas como o rendemento das webs, o consumo de recursos e gasto enerxético, sobre todo en sitios con moito tráfico onde eses pequenos cambios afectan de xeito exponencial a cantidade de CO2 producida. De vez en cando debemos preguntarnos se vale a pena meter este efecto na web, ou usar determinada tecnoloxía se iso vai supor contribuír a empeorar aínda máis o noso ambiente.

Miguel Grandío (@Mixigodo) mandoume esta semana a ligazón á web de Aquarium, unha banda de rock psicodélico rusa que leva tocando dende principios dos anos 70. Quizais non é a web máis ecolóxica, nin a máis adecuada para epilépticos, mais pareceume impresionante o xeito que teñen de contar a súa historia. En Genbeta explican máis detalles.

Pareceume interesante este artigo de Spotify sobre como foi evolucionando o seu sistema de deseño. Pasaron dende non ter nada a ter 22 sistemas de deseño diferentes, para finalmente crear un framework que se vai ramificando para dar acubillo a diferentes sistemas independentes, mais conectados entre si. Isto dos sistemas de deseño pode chegar a complicarse moito, sobre todo neste tipo de empresas grandes con tantas plataformas diferentes.

Goldman Sachs acaba de lanzar unha tipografía propia, a Goldman Sans que podes descargar libremente. O curioso é que na súa licenza prohiben explicitamente empregala para criticalos a eles, xunto con outras lindezas. Non sei por que, non me sorprende nada. 🙈

A accesibilidade é outra batalla que aínda se nos resiste. Por sorte, de vez en cando temos boas noticias. The Last of Us - Part 2, é un xogo que saíu hai un mes para a PS4. Steve Saylor é un gamer cego que despois de probar o xogo, subiu un vídeo na súa conta de Twitter, no que se ve totalmente emocionado pola cantidade de opcións de accesibilidade que contén (máis de 60). Neste artigo de KeenGamer explican máis sobre este xogo e o importante que é ter en conta a accesibilidade en calquera produto dixital.

A intelixencia artificial é un deses conceptos cada vez máis de moda que vai mudar (estao facendo xa) o noso mundo. A universidade de Oxford, xunto con Google, fixeron esta bonita web onde nos explican de xeito moi básico en que consiste e en que se está a aplicar.

Gustoume moito o artigo de Sarah Drasner: In Defense of a Fussy Website, onde fala deses pequenos detalles ou microinteraccións que fan a web un chisco máis divertida e humana, en contraposición á web como un simple lector de documentos. Por mor deste artigo, Max Böck creou o repositorio The Whimsical Web, onde vai recompilando webs que teñen algún detalle divertido.

Lembro a fantástica iniciativa de Mozilla para o redeseño do seu logo de realizar un proceso aberto e participativo (aínda que guiado por profesionais, claro). Wikimedia (a fundación que está detrás da Wikipedia e moitos outros proxectos) parece que quere facer algo parecido, polo que explican nesta web. Por agora estiveron a traballar coa empresa noruega Snøhetta na investigación e na xeración de conceptos que usarán na segunda metade do ano no desenvolvemento da nova marca.

O venres pasado, morreu Milton Glaser, o mesmo día que facía 91 anos. Máis alá do seu famosísimo logo «I ❤️ NY» gustaríame rescatar a súa listaxe de 10 cousas que aprendeu como deseñador, que forma parte dunha palestra da AIGA que deu en Londres en 2011 e que se pode descargar en PDF na súa páxina web.