Conxeito

#014 -

Acerca de Hey

Basecamp é unha empresa/produto que vai por libre, tanto na forma que teñen de funcionar internamente (moi ben explicado no libro It Doesn't Have to Be Crazy at Work, escrito polos seus fundadores), como no xeito de afrontar os proxectos (tamén explicado no web-book Shape Up, do que xa falei en anteriores ocasións). Molan tanto, que incluso podemos dubidar de se nos están a dar gato por lebre. É unha pose ou realmente funcionan deste xeito?

O caso é que esta semana lanzaron HEY, un servizo de correo electrónico (como pode ser Gmail ou Outlook) no que estiveron a traballar durante 2 anos e que pretende mellorar notablemente a experiencia de uso e corrixir moitas das cousas que a ninguén lle gustan dos emails actualmente. Más alá de se vale a pena usar o produto ou non, hai varias cousas que me pareceron moi interesantes e das que todos podemos aprender.

Jason Fried, CEO da compañía, publicou este vídeo no que fai un percorrido pola ferramenta e explica o funcionamento de HEY. Recomendable a súa visualización, sobre todo para poder apreciar como un equipo de produto pode coller unha funcionalidade que todos coñecemos, como é o email, e espremela ao máximo, para facer algo totalmente novo mais sen deixar de ser o email de sempre. Tamén é interesante o xeito que ten Jason de explicar este novo produto, centrándose en solucionar problemas reais que tivemos a maioría dos que traballamos con correo electrónico. Como di ao final do vídeo: It's not an email sofware, it's an email philosophy built in workflows, not in workaround. Lémbrame o conxeito #010, en que se trataron produtos construídos ao redor de métodos e non de features.

Outra cousa que me gusta desta compañía e da que sinto bastante envexa é a parte tecnolóxica. Chámame anticuado, mais sempre fun bastante crítico co xeito actual de construír software na web, esa filosofía de javascript-first (ou mellor dito, javascript-only) que fomentan frameworks como React ou Vue. Basecamp tamén vai a contracorrente niso, e mantén unha actitude máis próxima aos principios da web. A propósito disto, Alex Russel destacou en twitter este fío de Sam Stephenson onde fala de como se construíu a ferramenta, empregando HTML estándar. Os resultados, no referente ao nivel de métricas e rendemento é espectacular.

Vou usar o produto? Non creo. Non é un produto especialmente barato (aínda que todo isto é relativo, todos coñecemos a diferenza entre valor e prezo). O maior problema é que tes que crear unha conta de email nova co dominio hey.com, non podes usar o teu propio dominio, co cal, ao final estás atrapado se nalgún momento o queres abandonar. Malia isto, no que se refire ao deseño, trátase dun produto estupendo.

Atipo é unha das miñas fundicións tipográficas favoritas. Teñen todo bo: son asturianos, teñen tipografías moi interesantes e a moi bo prezo. Pois resulta que acaban de facer 10 anos e para celebralo non se lle ocorreu nada mellor que pór á venda TODO o seu catálogo tipográfico por só 20€. Ocasións como esta non as vas ver moi a miúdo, aproveita. Tes ata o 25 de xuño.

Sanzo Wada foi un artista xaponés, deseñador de roupa e quimonos que mesmo chegou a traballar como deseñador de vestiario nalgúns filmes xaponeses. Entre os anos 1933-1934 publicou un libro en que explora diferentes combinacións de cores. Existe una versión interactiva do libro e ata podes descargar todas as paletas en formato JSON neste repositorio de Github.

Ao dicionario de cores de Sanzo Wada cheguei grazas a este artigo de Matt DesLauriers en que fala sobre os degradados de cor e os problemas que existen para facelos perceptualmente uniformes, sen mudanzas bruscas como no exemplo que podedes ver na imaxe da esquerda. Un xeito de corrixilo é usar un espazo de cor uniforme como CIELAB (conxeito #011). Outra solución, que é a que se aborda no artigo, é mediante un sistema de interpolación non-lineal que corrixa estas deficiencias visuais.

Type Specimens é un proxecto de Mark Boulton onde recompila espécimes de tipografías: eses deseños creados para amosar as bondades e características dunha tipografía, alén de serviren como reclamo comercial. É un proxecto bastante curioso e, sobre todo, moi freak, como me gustan a min.

No conxeito anterior falei sobre ferramentas e esquecín compartir este recurso 🤦‍♂️. Non pasa nada, fágoo agora: Untools é unha colección de «non-ferramentas» para deseñadores: frameworks e metodoloxías que nos axudan a tomar mellores decisións e solucionar problemas de deseño.

Esta semana estame saíndo un conxeito bastante tipográfico. Pangram.me, como o seu nome indica, é un xerador de pangramas (frases que empregan todas as letras do abecedario e que serven como mostra tipográfica). Só podes escoller dous idiomas (inglés e francés) pero aínda así penso segue sendo útil. A min en galego saíume: «O ghato que fuxe pola Coruña vai roubando mazás e kiwis». Alguén o pode mellorar?

E acabo cunha cousa máis leve: gustoume moito este experimento de Plan8, un estudio de deseño de música e sons para marcas. O proxecto JazzKeys, permíteche escribir unha mensaxe mentres, ao mesmo tempo, creas a súa música. Se queres escribirlle algo a unha persoa especial, este é o mellor xeito de facelo.