Conxeito

#013 -

Sobre ferramentas

O deseño sempre estivo influenciado pola tecnoloxía e as ferramentas. A invención do computador supuxo unha revolución que, xunto a aparición de aplicacións como Photoshop, Illustrator ou máis recentemente Sketch, mudaron para ben ou para mal o xeito de traballar nesta profesión. Hoxe en día, despois de tantos anos de monopolio de Adobe, estamos nun momento no que nunca houbo tanta oferta de ferramentas de deseño. Cada vez son máis intelixentes, facilítannos máis as cousas e incluso poden chegar a facer o traballo por nós.

Hai unha semana, Máximo Gavete (do que recomendo fervorosamente o seu boletín Honos) deixaba un tuit criticando unha aplicación para prototipar chamada Inspireframe. Persoalmente comparto ao 100% esta crítica e dá para pensar se este tipo de ferramentas realmente están para axudarnos a ser mellores deseñadores, ou polo contrario, nos están «idiotizando», eliminando a necesidade de coñecemento e experiencia en prol dunha suposta eficiencia mal entendida. Ferramentas como esta, fanme lembrar o vídeo de Javier Cañada onde fala sobre a compañía Buy'n'Large da película Wall-E.

Por suposto, este tipo de ferramentas que non precisan «design skills» existiron dende hai moito tempo. Dende un template de WordPress, ata xeradores de logotipos. E non me parece mal que existan estas cousas, non todo o mundo se poder permitir contratar un deseñador e ás veces é mellor consumir fast-food que pasar fame. Pero hai que ter en conta que son ferramentas destinadas precisamente a non-deseñadores, non a profesionais. E iso é algo que debemos ter todos claro. Por moi tentador que sexa obter un resultado «aceptable» en poucos minutos, o deseño é moito máis que combinar unha serie de solucións e clixés prefabricados.

O sucedido nos Estados Unidos prendeu unha chispa que se estendeu ao resto do mundo. O racismo é unha praga que debemos eliminar e un xeito de facelo é visibilizando e, sobre todo, normalizando a diversidade. Black Illustrations é un proxecto de John D Saunders que pon á nosa disposición unha colección de ilustracións de xente negra para usar nos nosos proxectos e axudar a esa visualización.

Unha tendencia que leva xa tempo vixente, sobre todo se es desenvolvedor, é a de ter unha páxina /uses na túa web na que detallas as ferramentas que empregas. Aquí podes ver unha recompilación con moitos exemplos e ata eu me animei a crear a miña propia páxina.

Unha das novas profesións que está a nacer ao redor do deseño dixital é a de designOps, o encargado de optimizar o funcionamento interno das empresas para conseguir que o deseño teña o máximo impacto. Se non tes claro de que vai, Kevin M. Hoffman explícao mellor nesta palestra. Nielsen Norman Group fixo un estudo para coñecer a madurez desta nova disciplina.

E postos a falar de ferramentas para non deseñadores, parece ser que existe o movemento #nodesigndev que ofrece ferramentas para programadores sen ningún talento para o deseño. Supoño que é a súa maneira de vingarse do movemento no-code.😛

Service Station é un pequeno programa gratuíto para macOS que descubrín hai unhas semanas e que permite personalizar o menú contextual do Finder, engadindo máis opcións como abrir programas ou executar scripts. Moi útil.

As notificacións push son diferentes dependendo do navegador e o sistema operativo polo que o número de variantes existentes pode ser abrumador. Pareceume interesante e moi útil este artigo onde se recompilan e analizan as máis habituais.

A DAG fixo unha recompilación de moitas das iniciativas xurdidas durante o confinamento no mundo do deseño. Algunhas xa saíron aquí, mais hai moitas outras que se me escaparon. Podedes ler a noticia e descargar o PDF dende a súa páxina web.

Gruppo Due é unha fundición tipográfica dixital que ten unha web ben curiosa, onde a protagonista é unha pedra que fai trasnadas. Si, liches ben, unha pedra.

E para rematar...

Despois de chegar á edición 13, decidín mudar a frecuencia de publicación deste boletín e facelo máis espazado no tempo. Hai varias razóns, a máis importante: a falta de tempo, pero tamén porque non quero baixar a calidade do contido simplemente por querer cumprir cunha autoencarga semanal. A verdade é que despois destes tres meses, admiro aínda máis a xente que leva tanto tempo mantendo un boletín semanal e xerando contido de calidade.

Entón, como é o conto? vai ser quincenal? mensual? Pois aínda non o sei mais gústame a idea de facelo irregular, que saia só cando for necesario.

E por último, se tedes algún tema que vos gustaría que se tratase neste boletín, agradeceríavos que mo comunicásedes.