Conxeito

#012 -

Jobs to be done

A teoría «Jobs To be done» (non confundir con «Getting things done», da que falei no Conxeito #010) foi creada por Anthony W. Ulwick a medidados dos anos 90. A idea é simple e ao mesmo tempo complicada: trátase de coñecer a motivación dos clientes, a razón pola que empregan o teu produto, e usar esa información para melloralo e innovar.

Recoñezo que non coñecía a teoría ata que cheguei a traballar en marketgoo e Wences me pasou uns vídeos de Clayton Christensen, comentando o exemplo do batido de McDonald's, que ilustra moi ben en que se basea a teoría:

Hai anos, McDonald's quixo aumentar a venda dos seus batidos, polo que comezou a facer entrevistas aos seus clientes coas típicas preguntas sobre o prezo, a textura, o tamaño, se lles gustaría que tivesen máis sabores etc. Despois de recompilar toda esa información e usala para mellorar os batidos, viron que non conseguían mellorar as súas vendas, polo que decidiron contratar a Clayton Christensen como consultor, que decidiu aplicar a teoría de Jobs to be done.

O bo de Clayton pasou o día enteiro dentro dun único restaurante e viu que a metade dos batidos se vendían antes das 8:30 da mañá. Normalmente eran clientes que viñan sós e compraban unicamente o batido para levalo no coche, non o bebían dentro do restaurante. Ao día seguinte, despois de falar con algúns deses clientes, descubriu que o motivo da súa compra era que tiñan un longo traxecto en coche ata chegar ao lugar do traballo e precisaban algo que facer durante o camiño. Conducían cunha soa man, polo que tiñan a outra libre, sen saber moi ben que facer con ela. Podían comer un plátano ou galletas pero era algo que se remataba pronto e axiña lles volvía a fame. En cambio, a viscosidade do batido coa palliña facía que rematalo lles levase moito máis tempo e deixáballes o estómago cheo, co que enganaban a fame ata a media mañá. O Job to be done dos batidos era, polo tanto, acompañalos e mantelos entretidos durante o camiño ao traballo sen quedaren durmidos e coa barriga chea.

O motivo polo que as primeiras mudanzas non deran resultados era porque resultaban irrelevantes para o traballo que tiñan que desempeñar os batidos. Non facía falta crear máis sabores nin mudar os ingredientes porque a súa competencia non eran os batidos de Burguer King, senón as bananas, os donuts, as bolachas e calquera alimento de almorzo. Despois de facer varias alteracións baseadas neste descubrimento, como poñelos máis visibles para a xente que chegaba en coche, facelos aínda máis viscosos para que duren máis tempo, máis fáciles de agarrar mentres conduces etc, conseguiron finalmente vender moitos máis.

En produtos dixitais, igual que con calquera outro produto, coñecer o motivo polo que a xente usa o noso produto é fundamental para saber onde se debe innovar. Se queres saber máis, recoméndoche o artigo «Know Your Customers' "Jobs to be Done"» do propio Clayton Christensen, xunto con Taddy Hall, Karen Dillon e David S. Duncan que publicaron na revista Hardward Business Review en setembro do 2016 ou o libro (gratuíto) do creador da teoría, Anthony Ulwick.

Swach é un pequeno programa gratuíto para crear e gardar paletas de cores. Na miña opinión é un pouco limitado, mais supoño que o irán mellorando e seguramente te poida sacar dun apuro, como cando queres capturar unha cor da pantalla rapidamente.

As análises e infografías de The Pudding sempre sorprenden. Nesta ocasión fixeron unha guía das máscaras de loita libre, cunha estética de videoxogos dos anos 90 moi interesante.

Todo o mundo fala das variable fonts e moi poucos das color fonts (un formato que permite incluír varias cores na tipografía). Mais, postos a darlle unha volta máis, xa temos as variable color fonts, ás que se ademais lles metes animación (por CSS) xa non lles falta nada.

Con isto das web apps instalables, nalgúns sistemas operativos (sobre todo Android) as iconas móstranse enmascaradas dentro dun círculo ou cadrado redondeado, o que fai que o teu logo se vexa recortado. Os maskables icons é un novo formato que asegura que a túa icona se vai ver ben, independentemente de se se enmascara ou non. Neste artigo de Google tes máis información, e nesta aplicación podes crear e testar a túa icona.

Scunthorpe Sans é unha tipografía que detecta palabróns (en inglés, claro) para ocultalas por medio dun cadrado. A súa función é evitar que a túa web poida ser bloqueada por conter determinadas palabras. Non deixa de ser curiosa.

Isto da intelixencia artificial cada vez é máis sorprendente. Jukebox é unha rede neuronal que é capaz de compoñer e interpretar cancións de diferentes xéneros e estilos como un rock ao estilo Elvis, ou pop tipo Katy Perry.

Pareceume interesante este artigo de como Disney remasterizou as primeiras tempadas dos Simpsons para adaptalas á proporción 16:9 das televisións HD actuais.