Conxeito

#010 -

Métodos e ferramentas

A raíz deste vídeo de Jaime Altozano, decidín probar o método Getting Things Done, de David Allen para organizarme nas tarefas do día a día. Trátase dun método de organización e xestión persoal que che permite estar máis enfocado no que esteas a facer en cada momento. Non quero profundar moito nel, así que se estás interesado/a, podes ver o vídeo de Jaime ou directamente visitar a páxina de David Allen e comprarlle o libro.

Este método consta de varias fases, na primeira temos o inbox, un espazo onde vas metendo todas as novas cousas que van xurdindo: Acabouse o leite? apuntas no inbox que hai que comprar máis. Saíuche un proxecto para a semana? Mándalo rapidamente ao inbox. Tes unha idea para o próximo boletín de conxeito? Ao inbox. Vaise estrear esa película que levas tanto tempo agardando? xa sabes o que hai que facer.

A idea é sacar inmediatamente da cabeza todas estas cousas que van xurdindo, para seguires coa túa vida ou co que esteas a facer nese momento. Eliminar a carga que supón ter que lembrarse de tantas cousas e manter a cabeza despexada. A seguinte fase, que normalmente faise unha vez ao día é a catalogación, onde repasamos o noso inbox e organizamos todas estas cousas en diferentes listas dependendo de varios criterios e lóxicas explicadas neste diagrama:

O interesante desta metodoloxía é que é completamente independente da tecnoloxía. Podes empregar calquera software para implementala, ou simplemente papel e lapis. E tamén é bastante flexible, podendo adaptala ao teu propio modo de vida.

No meu caso, quería un software que me axudase a empregar este método, que ademais fose multidispositivo (para poder entrar dende o móbil ou computador), e que se gardase «na nube» para evitar perder os datos. Despois dalgunhas probas, optei por Todoist. E foi curioso porque cando ía facer a conta, descubrín que xa tiña unha conta creada de hai tempo, cunha lista con algunhas pelis (de terror) que quería ver e tarefas do traballo. Non lembro cando a creei, supoño que a abrín para probar, non me debeu impresionar e esquecinme dela. En cambio, nesta segunda oportunidade pareceume unha aplicación absolutamente marabillosa, moi ben deseñada, simple e flexible. Entón: por que non percibín esa satisfacción a primeira vez? Cal foi a diferenza?

Quizais a diferenza estivo en que nesta ocasión sabía o que quería, buscaba unha ferramenta que fose compatible cun xeito concreto de facer as cousas. Na propia web de Getting Things Done, hai unha listaxe de ferramentas e software que che poden axudar, que dalgún xeito son compatibles con esta metodoloxía, e entre elas está Todoist. Imaxino que cando a probei por primeira vez simplemente estaba experimentando a interface e vendo como estaba formulada, en modo pasivo. Pero nesta segunda oportunidade foi precisamente o contrario: eu sabía o que quería e só estaba comprobando se a ferramenta me podía satisfacer. E esa é a maxia que se produce cando unha ferramenta está pensada cunha metodoloxía en mente, cunha idea concreta de facer as cousas, e non como un conxunto de funcionalidades. Cando o método vai antes da ferramenta, e non ao revés.

Outro exemplo aínda máis claro estouno vivindo con Basecamp. Creo que xa comentei nalgunha entrega anterior que na miña empresa levamos uns meses empregando o método Shape Up para os proxectos. É un método creado por Basecamp (anteriormente coñecidos como 37signals), froito da súa experiencia durante 20 anos traballando en deseñar e desenvolver produtos dixitais e que divide o traballo en dúas fases diferentes:

  • A fase shape Up: Onde se lle dá forma ao proxecto, explicando claramente o problema, o «apetito» (si, chámase así) que hai para abordalo, e a solución proposta segundo ese apetito.
  • A fase build: É a fase onde se deseña e implementa esa solución.

Se queres aprender máis sobre este xeito de traballar, podes ler o libro Shape Up, que os de Basecamp puxeron gratuitamente como web book. O curioso é que, igual que con Getting Things Done, podes implementar esta metodoloxía con calquera software, non precisas usar Basecamp. Pero «casualmente» a súa aplicación está deseñada con esta metodoloxía en mente e trae todo o necesario para comezar a implementala, co cal moita xente interesada que lea o libro, acabará probando Basecamp, asimilando non só a ferramenta senón a «filosofía» e os principios nos que se basea.

Estes son dous claros exemplos de produtos dixitais pensados e deseñados seguindo unha idea de como facer algo. Moitas veces a innovación non está tanto na interface ou na experiencia de uso senón na filosofía que hai detrás de todo isto. En arquitectura e no deseño funcionalista existe un principio que di que «a forma segue a función». Poderiamos estendelo dicindo que a función segue ao método.

O domingo pasado foi o día das letras galegas que, alén de para homenaxear  un escritor ou escritora galega, serve tamén para reivindicar o uso do idioma galego como ferramenta para expresarmos e comunicarmos. Esta ano ademais descubrín a web Fálame, onde podemos ver colaboracións de varios deseñadores e deseñadoras coñecidos.

Pablo Honey (@pablohoneyhoney) é un deseñador galego que vive en Nova York e traballa como Design Lead en Automattic (a empresa que está detrás de WordPress entre outros produtos). Os que sexades fans de WordPress estaredes ao tanto de Gutemberg, o novo editor de contido. Neste vídeo explícanos algunhas decisións de deseño que tomaron para a nova versión que vai vir.

Atrás quedaron os tempos de Lorem Ipsum. O mellor é traballar con datos reais, mais se iso non é posible, outra opción é empregar datos que parecen reais (nomes, emails, avatares, cidades etc). Sketch App Data contén un repositorio inmenso de datos ordenados por tipoloxía e formato que podes empregar nos programas Sketch, Figma, Adobe XD ou Photoshop.

Unha das cousas que máis me gusta de facer un boletín como este é recibir comentarios con suxestións, opinións ou ideas. Con motivo dos fondos de pantalla do estudio Ghibli do número anterior, Manuel del Río pasoume este fantástico documental sobre o proceso creativo de Miyazaki.
Continuade mandándome cousas 😀

Lembro cando escribín o artigo dedicado ás tipografías no redeseño de Historia Arte. Nel falaba da interpolación de tamaños e do complexo que era implementala naquel momento, con complicadas fórmulas matemáticas. Pois ben, as novas funcións de CSS min() max() e clamp() permiten facer isto e moito máis de forma supersinxela, co que elevan o deseño responsive ao seguinte nivel. Se non sabes de que falo, Ahmad Shadeed explícacho bastante ben neste artigo.

A xente de Pudding lanzou hai pouco este test para identificar o coñecemento da música de distintas épocas por parte de cada xeración (boomers, xeración x, milenials e xeración z). Curioso para pasar o tempo e darte conta da nosa ignorancia musical.

Levo uns meses empregando Sketchpad no traballo, para facer bosquexos de interfaces de xeito rápido e a verdade é que me está gustando bastante. Permite centrarte na idea, no contido, e esquecerte do detalle, que xa virá despois. Ademais podes conectalo con Google Drive e gardar aí o teu traballo. A aplicación web é gratuíta e ten unha versión de pagamento para iPad.