Conxeito

#008 -

Tokens

Chamámoslles design tokens ao conxunto de constantes que conforman un sistema de deseño ou branding para ser distribuído a todos os deseñadores e programadores que os van usar. Os típicos exemplos de tokens son estilos tipográficos, cores, especificacións de sombras, animacións, espazos... A idea xeral é usar un formato xenérico (tipo json, xml ou yaml) que os deseñadores poidan xerar facilmente e os programadores importar e actualizar automaticamente cada vez que se produza un cambio.

A primeira vez que vin ese termo, foi neste artigo de Nathan Curtis que data de xuño do 2016, pero xa en 2014 existía Theo, a primeira ferramenta para manipularmos estes tokens creada por Salesforce para o seu sistema de deseño. Dende entón apareceron innumerables artigos, conferencias e novas ferramentas para xestionalos como Style Dictionary, creada por Amazon ou Diez. Eu mesmo falei diso nunha pequena charla que dei en Lugo o ano pasado e da que podes ver as diapositivas na miña web.

O caso é que todo o mundo está entusiasmado coa idea dos design tokens, tanto que na W3C xa hai un grupo de traballo para crear un formato estándar para xestionalos e documentalos. Quen está neste grupo? Pois practicamente todos os grandes actores relevantes: Adobe, Sketch, Figma, InVision, Amazon, Diez, zeroheight, zeplin... así que é posible que saia algo con xeito (ups). Podes seguir as discusións dende o seu repositorio de Github. Por agora aínda están a comezar e hai moito brainstorming, pero xa se poden ver algunhas cousas interesantes como a idea de apoiarse en CSS como formato para gardar determinados valores. Ten todo o sentido: por que reinventar de novo a roda cando CSS xa ten moito traballo avanzado? Como dixen no conxeito #005, é a linguaxe dos deseñadores e é a linguaxe que os conecta cos programadores. Non sería marabilloso ter a posibilidade de modificar os estilos en calquera programa de deseño que empreguemos usando CSS?

Coronavirus

Esta semana a procura de propostas interesantes ao redor do coronavirus non foi tan prolífica como en veces anteriores. Quizais debín xestionar mellor a época de bonanza. Nótase a pouca experiencia nisto de facer boletíns. 🤷‍♂️

Os parisienses Bright (@brig_ht) dedicados a crearen todo tipo de experiencias interactivas, decidiron regalarnos esta sorprendente infografía en 3D cos datos do coronavirus en diferentes países.

Pareceume interesante esta aplicación para axudar a tomar decisións. Tanto o xeito no que te vai guiando como a interface tan núa, sen practicamente nada de CSS. Nunha época onde parece que hai que engadir efectos e animacións a todo, este tipo de propostas resultan, como mínimo, chocantes e rompedoras.

As composicións de tipo «masonry» son aquelas que tentan encaixar pezas de diferente tamaño. Na web podemos encontralas en Pinterest ou nas novas na portada da DAG. Para implementalas é necesario botar man de complicadas librarías como Masonry e similares. Felizmente, estase discutindo a posibilidade de estandarizalas e que se poida facer cunha simple liña de CSS. Firefox, que sempre estivo na vangarda nestas cousas, xa comezou a facer tests na súa versión Nightly. De todos os xeitos non significa que isto vaia ser unha realidade, a sempre xenial Rachel Andrew comparte connosco as súas dúbidas no seu blog.

Que alegría saber que a tipografía do logo de ConXeito acaba de gañar o ouro nos premios European Design. Sobre todo por estar deseñada por unha grande deseñadora e amiga como é María Ramos, e aproveito para recomendarvos a inesquecible palestra que nos brindou no último FEED 2019.

A axencia neoiorquina &Walsh mola por moitas cousas. Primeiro porque está fundada (e formada maiormente) por mulleres, segundo porque son condenadamente boas e terceiro porque crearon unha colección de emojis e stickers para deseñadores/as que non teñen desperdicio.

As fontes variables teñen moito potencial creativo. Ao estudio alemán Liebermann Kiepe Reddemann ocorréuselle facer unha fonte onde podemos oscilar entre unha Times New Roman e unha Arial, e que vai formar parte da súa nova identidade visual. Ademais, están dispostos a compartila, sempre que sexa con fins educativos.

A axencia Nonymous ten una web que, cando a vin por primeira vez, deixoume coa boca aberta e aínda non a pechei. Esas transicións co scroll a medida que se deforma o logotipo. Simplemente xenial.