Conxeito

#006 -

Acerca das subscricións

RSS é un deses inventos que non entendo como non ten máis éxito. Parece simple: un formato de arquivo ao que te podes subscribir e que te avisa dos novos contidos que haxa nun sitio web. E o certo é que durante certo tempo funcionou bastante ben, todo o mundo consumía blogs nos seus lectores de RSS (maiormente Google Reader). Mais foi pechar o servizo de Google e, de repente, todo se escureceu. Apareceron alternativas, algunhas de pagamento, outras de código aberto, mais ningunha conseguiu ocupar o lugar deixado por Google Reader.

Por suposto, o RSS continúa vivo: practicamente todas as ferramentas para crear blogs manteñen esa funcionalidade por defecto e seguro que unha boa parte dos que estades a ler isto (sobre todo se tedes máis de 30 anos) continuades a consumir RSS. O máis interesante da subscrición por RSS é que se estabelece unha conexión máis directa e íntima entre o sitio e os seus lectores, sen intermediarios. Podes crear a túa propia biblioteca de subscricións: noticias, deseño, lecer... o teu curruncho privado de información curada por e para ti. En cambio, na época post-RSS o xeito habitual de saber das novidades é por medio das redes sociais, onde fai falla que alguén que sigas comparta o link para que che chegue. Perdeuse, por tanto, esa conexión, esa forma tan persoal e privada de recibir información.

Un intento de recuperar esa relación apareceu coa estandarización das notificacións web grazas á cal se pode recibir notificacións push de calquera sitio web. A gran diferenza é que son precisamente push, e non pull, polo que resultan especialmente molestas, tanto que os navegadores tiveron que introducir restricións para evitar o abuso. As notificacións push non se crearon precisamente para substituír o RSS: imaxina recibir unha notificación por cada post publicado en calquera dos blogs que acompañas.

Outro método son as newsletters, agora tan de moda*.* O problema neste caso é que non se trata dun sistema escalable (non me imaxino estar subscrito a 50 ou 100 boletíns, como antes estaba subscrito a 50 ou máis blogs), ademais doutros problemas ben apuntados por Ascárida.

O certo é que, a día de hoxe, non existe nada «moderno» que poida satisfacer esta demanda, e hai xente que parece que está redescubrindo de novo a maxia do RSS. Por pór un exemplo, hai un ano Javier Cañada volveu recuperar outra vez o seu blog e a consumir RSS. Mais a dúbida que teño é se as novas xeracións tamén acabarán por subir ao barco. Isto último creo que é máis complicado, e non é por falta de lectores de RSS, xa que, afortunadamente, segue habendo bastante onde escoller:

  • Unha opción é instalares un lector no teu servidor. O mellor para teres un control total e máxima privacidade. Aquí tes unha lista de software de código aberto.
  • Se non te queres complicar, tamén podes probar algúns dos servizos online que hai:
  • Fraidycat: A opción máis orixinal. Trátase dunha extensión para Chrome/Firefox, aínda que tamén se pode instalar en desktop. Permite seguir persoas. Ademais ten soporte para algúns sitios que non teñen RSS como Twitter, Instagram ou SoundCloud.

Por certo, Conxeito ten tamén RSS, por se me queredes seguir por aí e non encher máis aínda a vosa bandexa de correo electrónico.

E como curiosidade, o RSS apareceu en 1999, e un dos que colaboraron na súa definición foi Aaron Swartz, que tristemente se suicidaría 3 anos despois á idade de 26 anos, o que causara unha gran conmoción. Se non coñeces a súa vida, recoméndoche o documental The Internet's Own Boy.

Coronavirus

Se algunha cousa positiva podemos tirar de todo isto é a cantidade de iniciativas que aparecen por todo o mundo para axudarnos no confinamento.

Netflix decidiu deixar de balde en Youtube algunhas series documentais con carácter didáctico. Entre elas atopamos a primeira tempada de Abstract, que se non a viches, agora non tes escusa. Alén disto, podemos encontrar outras grandes series como Explained, onde nos explican de xeito moi didáctico cousas como por que as mulleres cobran menos. Tedes todo o material nesta playlist.

Shiraz & Daryan é un estudio escandinavo que deseñou unha fermosísima e orixinal tipografía inspirada no SARS-CoV-2 e que podes descargar gratuitamente. Ademais, vai acompañada deste divertido vídeo promocional.

E continuamos con tipografías, xa que Zetafonts pon á nosa disposición esta orixinal colección tipográfica chamada Quarantype. Son 10 tipos de letra, cada unha máis extravagante que a anterior.

Dubem Kizito (@dubem_kizito) é un frontend, deseñador e ilustrador nixeriano que creou unha serie de ilustracións relacionadas co Coronavirus que podes descargar gratuitamente nas túas comunicacións.

As conferencias de An Event Apart son practicamente obrigatorias para calquera que queira dedicarse ao deseño UX ou desenvolvemento frontend. Pois tiveron a feliz idea de liberar todas as conferencias de 2019 ao mesmo tempo. Aínda non podo recomendar ningunha en particular porque non as vin todas, mais as dúas que vin (Design Ops de Kevin M. Hoffman e animación de Sarah Drasner) gustáronme moito.

A READ publicou esta semana unha enquisa para coñecer como afecta esta crise sanitaria o sector do deseño. Se es freelance ou traballas nunha axencia, anímote a que a cubras.

Moitas compañías SAAS están a ofrecer descontos nos seus servizos. Adriaan Van Rossum decidiu recompilar moitas delas neste directorio.

Esta semana, o documental de Gary Hustwit foi Workplace, nel fala do pasado, presente e futuro das oficinas. Foi gravado en 2016, antes da crise do covid-19, que seguramente mude moitas desas predicións. Aínda que o límite para velo rematou, deixouno colgado uns días máis.

E esta semana, se despois de ver Helvetica, quedastes con ganas de máis, presenta o Bonus Footage, que dura incluso máis que o documental.

É certo que agora están a saír palestras e webinars de deseño ata de debaixo das pedras e non hai tempo (ou ganas) de ver todo. Mais se esta semana tiveses que escoller só unha, eu recoméndoche a charla que Anxo López dou no FEED 2019, falándonos do valor do deseño. Non só polo que di, senón polo xeito ameno no que o di.

Dende hai uns meses, estamos empregando Basecamp para xestionar os proxectos en marketgoo, e implementamos a metodoloxía Shape Up. Unha das súas vantaxes é que nos permite distinguir entre o traballo imaxinario e o traballo real, e evitar sustos de última hora, grazas ao Hill Chart, que está moi ben explicado neste post.

Name all colors

RGB (ou HEX) pode representar ata 16.777.216 cores diferentes. Pois hai a quen se lle ocorreu a tolísima idea de lle pór nome a todas e cada unha desas cores. Por agora vai no 7,3%, asi que tampouco hai présa. Eu, por se acaso, acabo de buscar a cor empregada neste número do Conxeito para propor o nome «Conxeito 6».

Deseñar para o mundo que ven

Se estas lendo esto antes das 18:00, aínda estas a tempo de asistir ao primeiro webinar #FSWD (From Spain With Design) organizado pola READ e onde podremos ver a Xènia Viladás, Miguel Zorraquino e Anxo López (si, outra vez Anxo 🙂) falando sobre como o deseño se vai ter que adaptar ao que nos chega por diante. Podes velo en directo por Youtube.