Conxeito

#001 -

Benvida

Hai dous motivos principais polos que decidín facer un boletín de deseño. O primeiro é persoal: non hai mellor maneira de aprender e asimilar conceptos de deseño (ou de calquera outra cousa) que escribindo sobre eles.

O segundo motivo é colectivo: sen contar o estupendo traballo que se fai dende a DAG, e profesionais como Pepe Barro, non existe unha grande abundancia de contido sobre deseño en galego. Ou se existe, non está suficientemente visibilizado (e nese caso, gustaríame que me enviásedes recomendacións).

Neste boletín falarei das cousas que me interesan, sobre todo relacionadas co deseño dixital (entendendo o dixital como aquilo que se consome interactuando cunha pantalla): ligazóns interesantes, noticias que se produzan, novas ferramentas, curiosidades, tecnoloxías etc.

Seguramente, os primeiros subscritores deste boletín semanal sexades amigos e coñecidos meus. Iso tranquilízame enormemente, porque cometerei erros que estou seguro que saberedes entender e perdoar. Non estou acostumado a escribir con tanta frecuencia (realmente non estou acostumado a escribir con ningunha frecuencia), e agardo ir mellorando pouco a pouco, non só na escolla dos temas e contidos senón tamén o xeito de tratalos.

Dito isto, agardo que gocedes tanto léndoo como eu escribíndoo.

Coronavirus

É o monotema. E non me estraña dada a gravidade do asunto. Como todo suceso importante sobre o que existe unha grande cantidade de información, podemos atopar de todo. Pero isto é un boletín de deseño, así que vou chamar a atención sobre un casos que exemplifican como o deseño pode axudar nesta crise.

As simulacións realizadas por Harry Stevens para o Washington Post coas que explica as diferentes estratexias para combater a propagación do virus son mel nas filloas. Deseño e animación ao servizo da historia, para explicar visualmente algo que con texto sería moito máis complexo. Por que non se fan máis cousas coma esta?

Un dos nosos grandes deseñadores galegos, Artur Galocha, realizou estas detalladas infografías para o xornal El País, cun carácter máis científico, onde se pode ver o xeito de infectar deste virus.

William (@neoncloth) é un deseñador e programador inglés, artífice deste xerador automático de pósters con indicacións para lavar as mans, empregando como contido a letra da túa canción favorita. Si, oíches ben 😱.

O deseñador e artista visual Max Siedentopf (@maxsiedentopf) acaba de lanzar a serie How-To Survive a Deadly Global Virus chea de sentido de humor (tamén necesario nestes días). Xeniais tamén moitas das fotografías enviadas polos seus seguidores a través das redes sociais. Por suposto, non pensedes que pór unha leituga na cara vos vai protexer!!

JWDK é unha axencia de branding especializada no mercado chinés que acaba de crear unha serie de carteis gratuítos con medidas para protexerte do virus seguindo o estilo gráfico dos típicos carteis de sanidade pública chinesa da década dos 50. Grazas a estas fermosas ilustracións, non fai falla saber chinés para entender o que din.

Andrew Sondern, director de arte do New York Times, compartiu na súa conta de Twitter esta xenial composición para un artigo sobre o distanciamento social, supernecesario para reducir o risco de contaxio. Non teño nada máis que dicir, a imaxe xa o di todo. Bravo.

Redeseño da marca da Xunta de Galicia

Un días antes de que o Coronavirus o monopolizase todo, comezárase a falar da mudanza que fixo a Xunta de Galicia na súa marca. Unha mudanza que se foi introducindo pouco a pouco, de xeito silencioso. Non existe moita información ao respecto, agás unha noticia en Praza e algúns comentarios por Twitter.

A mudanza inclúe un reestyling do símbolo, entendo que para adaptarse mellor ás pantallas dixitais (algo parecido ao que fixo Correos recentemente) e o escurecemento do azul corporativo (quizais para corrixir problemas de lexibilidade co contraste?). Pero o que máis chamou a atención foi o cambio do logotipo, que troca o lettering creado ex profeso por Alberte Permuy en 2003 por unha pau seco.

Non se sabe moito máis deste traballo, nin a autoría, nin o tempo que levan traballando nisto, os motivos polos que se fixo a mudanza ou como se vai aplicar. Tendo en conta a importancia e impacto desta mudanza, manter este silencio é un erro de comunicación moi grande por parte da Xunta. Agardemos ter máis información proximamente.

Documentais de Gary Hustwit

Con motivo da crise do Coronavirus, Gary Hustwit decidiu permitir a reprodución de balde dos seus documentais sobre deseño, e liberar un por semana. O primeiro en ser liberado é Helvética, e tes ata o martes 24 para velo.

Ordena a pantalla (do Mac)

Seguramente che soa esta escena: estás a revisar o teu último proxecto web dende un navegador, ao mesmo tempo que axustas un estilo de CSS no editor de código, mentres ves o deseño en Sketch. Traballar con moitas xanelas na mesma pantalla é unha lea e durante moito tempo usei Spectacle para telas todas ordenadiñas. Pero este marabilloso programa deixouse de actualizar e acabo de descubrir o seu substituto: Rectangle que é incluso mellor.

Tipografía

Nesta época que nos tocou vivir temos a sorte de contar cunha grande cantidade de eventos e conferencias de deseño que gravan e colgan as súas palestras na Internet para delicia de todos nós. Un exemplo é o FrontFest, que se celebrou en febreiro e do que me gustaría destacar a palestra de Elena Ramírez na que se fala non só do termo de moda na tipografía: variable fonts, senón tamén de como empregar moitas das características Open Type na web.

Iconas

Traballar nunha web ou app require traballar con iconas. Se estás farto de non encontrar a icona necesaria nesa colección infinita descargaches, quizais che interese probar Iconset, un estupendo xestor de iconas gratuíto e moi fácil de usar.

E isto foi todo neste primeiro número. Agardo que vos gustase e lembrade: lavade as mans!!
Apertas e vémonos o próximo venres.