Botón con dous cursores, un de cada tipo

Jeremy Keith, no capítulo 2 do seu libro Resilient Web Design menciona un dos valores da arquitectura: o principio da honestidade dos materiais, o cal di que un material non pode ser empregado para substituír e imitar a outro. A mesma analoxía a fai Kevin Goldman en Material Honesty on the Web, mencionando ademais esta cita de John Ruskin:

«Cubrir unha parece ladrillo con xeso e pintar un fresco sobre ese xeso é perfectamente lexítimo… Pero cubrilo con cemento, e riscar ese cemento para que pareza pedra é contar unha falsidade; este procedemento ten o mesmo de desprezable como o anterior ten de nobre.»

No mundo web temos botóns e ligazóns. Moitas veces emprégase un ou outro indistintamente, pero realmente son materiais diferentes e, tendo en conta o principio anterior, non deberíamos ser deshonestos á hora de empregalos. Da igual que con CSS poidamos facer que unha ligazón se asemelle a un botón ou ao revés. Sempre van ser diferentes, porque o navegador vainos tratar de xeito diferente.

Se facemos clic co botón secundario encima dunha ligazón, vemos que o menú contextual contén opcións como abrir nunha nova lapela, gardar nos favoritos, compartir ou incluso enviar a outro dispositivo.

Menú contextual dunha ligazón

Un botón, por contra, emprégase para enviar datos dun formulario ou para realizar accións puntuais dentro da propia páxina. Polo tanto, non ten moito sentido gardar esa acción nin moito menos compartila nas redes sociais. O menú contextual dun botón non ten nada que ver co dunha ligazón:

Menú contextual dun botón

Estamos, polo tanto, falando de dous materiais diferentes, con comportamentos e características diferentes. O problema é que no mundo real estes dous elementos mestúranse constantemente e por medio de CSS podémolos facer practicamente indistinguibles a simple vista mediante un código como este:

<a href="#" class="button">Action 1</a>
<button class="button">Action 2</button>

Unha maneira de distinguir entre un elemento ou outro é precisamente polo cursor. Ter a seguridade de que se o cursor ten forma de dedo é unha ligazón que podemos compartir ou abrir noutra lapela, é devolverlle un pouco de honestidade ao deseño web.

Por suposto, sempre haberá xente que non quede convencida e que expoña argumentos como:

«É que se non ten o dedo, non parece clicable!!»

Un botón ben deseñado non precisa cambiar o cursor para que o usuario se dea conta de que se pode clicar. É moito mellor deseñar elementos que sexan visualmente aparentes que esperar a que a xente os descobra movendo o rato pola pantalla. Se fose así, a xente que navega a través dun móbil non sabería como interactuar coa web.

Temos a posibilidade —moi recomendada— de cambiar o estilo do botón co cursor por encima (o estado :hover de CSS), non é necesario cambiar tamén o cursor. Deixémolo, polo tanto, para que o usuario saiba identificar as ligazóns.